Axudas para obter os permisos de conducir (A2 e B) — Convocatoria 2025
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude publicou no DOG do 19 de agosto de 2025 a orde pola que se convocan axudas económicas para facilitar á mocidade galega desempregada a obtención dos permisos de condución A2 e B.
O obxectivo desta liña é mellorar a autonomía persoal e favorecer a empregabilidade da mocidade, reducindo parte do custo económico que supón acadar o carné.
Detalles da convocatoria
Contía das axudas:
150 € para o permiso A2.
400 € para o permiso B.
Son acumulables se se solicitan ambos.
Quen pode solicitalas?
Mozas e mozos de 18 a 30 anos.
Empadroados en Galicia, con polo menos un ano de antigüidade.
Que non estean traballando por conta propia nin allea.
Que obtivesen o permiso A2 ou B entre o 1 de outubro de 2024 e a data de solicitude.
Con renda familiar igual ou inferior a 5 veces o IPREM anual de 2025.
Prazo de solicitude:
Do 25 de agosto de 2025 ás 9:00 h ata o 25 de setembro de 2025 ás 20:00 h, ou ata esgotar crédito.
Como solicitar?
A través da sede electrónica da Xunta de Galicia (obrigatorio). Se se presenta en papel, requirirase a súa emenda por vía electrónica.
Documentación que hai que presentar
Ademais do formulario electrónico de solicitude, deberás achegar:
Identidade e residencia
DNI/NIE (consulta automática salvo oposición).
Certificado ou volante de empadroamento colectivo (mínimo un ano en Galicia).
Permiso de condución
Copia do carné A2 ou B expedido, ou
Autorización provisional para conducir (se aínda non recibiches o carné físico).
Situación laboral
Declaración responsable de non estar traballando.
Informe de vida laboral se a administración non pode ver a túa situación.
Renda e situación económica
Autorización de consulta de datos fiscais (xa vén no formulario).
Se te opoñes: copia da declaración da renda 2023 ou certificado de imputacións da AEAT.
Composición familiar (se procede)
Libro de familia ou certificado de convivencia, para calcular os ingresos da unidade familiar.
Declaracións responsables (anexos oficiais)
Estar ao día coas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.
Non ter solicitado nin recibido outras axudas para o mesmo fin.
Non estar incurso/a en prohibicións para ser beneficiario/a de subvencións.
Resolución
O procedemento é de concorrencia non competitiva: as axudas concédense por orde de entrada, ata esgotar o crédito.
O órgano instrutor é o Instituto da Xuventude de Galicia.
O prazo máximo de resolución é de 5 meses desde a entrada da solicitude. Se non hai resposta, entenderase desestimada.
Unha vez notificada a resolución, a persoa beneficiaria terá 10 días hábiles para aceptar ou renunciar á axuda.
2025-08-19