Combo Vigosónico

O pasado 25 de abril, o alcalde de Vigo e a concelleira de Xuventude acompañaron ao alumnado da Academia Vigosónico nunha nova edición de Combo Vigosónico.

A sala multiusos de Vigosónico transformouse nun escenario real de concerto para que o alumnado de canto, baixo, guitarra e batería vivise a experiencia de actuar ante o público.

Vigosónico celebrou o pasado 25 de abril unha nova edición de Combo Vigosónico, o encontro semestral no que o alumnado da Academia Vigosónico tivo a oportunidade de subir ao escenario e compartir ante o público o traballo desenvolvido nas aulas de canto, baixo, guitarra e batería.

A cita contou coa visita do alcalde de Vigo e da concelleira de Xuventude, María Lago, que se achegaron ás instalacións para compartir un momento de encontro co alumnado, as familias e as persoas usuarias do centro, así como para poñer en valor a aposta municipal pola cultura, a mocidade e o impulso do talento emerxente da cidade olívica.

Para moitas e moitos participantes, Combo Vigosónico supuxo a súa primeira vez enriba dun escenario. Foi un momento especialmente emocionante, no que puideron gañar confianza, aprender a desenvolverse en directo, compartir a súa evolución musical e actuar ante familiares, amizades e público convidado.

O encontro reuniu arredor de 60 persoas, entre alumnado, familias e asistentes, nun ambiente marcado pola ilusión, a aprendizaxe compartida e a emoción de ver como a formación musical se transformou en experiencia viva.

Con iniciativas como Combo Vigosónico, Vigosónico reafirmou o seu papel como espazo público de aprendizaxe, creación e encontro arredor da música, facilitando que a mocidade viguesa acceda a recursos, acompañamento e oportunidades reais para desenvolver o seu talento artístico.

Combo Vigosónico consolidouse así como unha das citas máis especiais da programación da Academia: unha ponte entre a aula e o escenario, entre a aprendizaxe e o directo, e entre o talento novo e unha cidade que segue apostando pola súa cultura viva.