Premios Nacionais de Música, Danza, Teatro e Circo

O Ministerio de Cultura convocou os Premios Nacionais de Música, Músicas Actuais, Danza, Teatro, Circo e Artes Escénicas para a Infancia e a Xuventude correspondentes ao ano 2026.

Os galardóns recoñecerán a traxectoria ou o labor destacado de persoas físicas, colectivos ou entidades culturais no ámbito das artes escénicas e musicais, especialmente por obras ou actuacións feitas públicas durante o ano 2025.

Cada premio estará dotado con 30.000 euros e non poderá ser dividido.

Entre as categorías convocadas figuran os Premios Nacionais de Música nas modalidades de composición e interpretación, o Premio Nacional de Músicas Actuais, os Premios Nacionais de Danza nas modalidades de creación e interpretación, así como os premios nacionais de Teatro, Circo e Artes Escénicas para a Infancia e a Xuventude.

A orde establece tamén que non poderán ser premiadas obras creadas íntegra e exclusivamente mediante intelixencia artificial.

As candidaturas poderán ser presentadas por integrantes dos xurados ou por entidades culturais e profesionais vinculadas aos distintos ámbitos artísticos. O prazo de presentación será dun mes contado desde o día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

O fallo dos xurados elevarase ao Ministerio de Cultura antes do 10 de decembro de 2026 e os premios entregaranse nun acto público oficial.