Programa de Voluntariado Interxeracional “Rede Galega de Oficios Vivos”

Abre o prazo para inscribirse no Programa de Voluntariado Interxeracional “Rede Galega de Oficios Vivos”. Esta iniciativa gratuíta irá vencellada á recuperación dos oficios tradicionais, coa finalidade de mostrar, entre outros aspectos, as posibilidades de emprego e autoemprego dos mesmos.

O funcionamento das xornadas artellarase mediante a participación de persoas expertas nos respectivos oficios, que asegurarán a transmisión de coñecementos e experiencia entre as persoas participantes. Estas xornadas estarán dirixidas principalmente a persoas maiores de 55 anos e a mozas e mozos con idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos, sen prexuízo da participación doutras persoas de ata 54 anos. En cada unha das xornadas poderán participar, a través dun sistema de parellas, un máximo de 16 persoas e a súa duración será de ata 8 horas.

No caso de que participen persoas mozas maiores de 16 anos e menores de 18, deberase achegar a correspondente autorización do pai, nai ou titor/a legal.
A Xunta de Galicia cubrirá a manutención durante o desenvolvemento da xornada, seguros e actividades formativas. Cada participante debe asumir os gastos de desprazamento ata o lugar indicado para a realización da actividade.

Prazo de inscrición

O prazo de inscrición comezará o 30 de xuño ata completar o número máximo de prazas.

Se o grupo de persoas inscritas nunha actividade excede do máximo permitido para cada zona, a selección realizarase de acordo cos seguintes criterios:

1. Persoas residentes no concello onde se desenvolverá a xornada e con idades comprendidas nas franxas entre 16-35 anos e 55 ou máis.

2. Persoas residentes no concello onde se desenvolverá a xornada.

3. Resto de persoas con idades comprendidas nas franxas entre 16-35 anos e 55 ou máis.

4. Orde de inscrición.

Inscrición

As persoas interesadas en inscribirse nesta primeira edición do Programa de Voluntariado Interxeracional “Rede Galega de Oficios Vivos” poden facelo a través do espazo habilitado na páxina web www.voluntariadogalego.org.

Os únicos requisitos para participar neste programa autonómico son ter cumpridos os 16 anos, residir na Comunidade Autónoma de Galicia e cumprimentar o formulario que se atopa na páxina web.

Máis información: voluntariadogalego.org