O Instituto Galego da Vivenda e Solo convoca o Programa do bono de alugueiro social destinado entre outros colectivos a mozos/as menores de idade tutelados pola Xunta de Galicia, unha vez que acaden a maioría de idade.
As axudas do bono de alugueiro social están destinadas a atender, con carácter urxente, os seguintes colectivos:
a) Aquelas unidades de convivencia que precisen dunha axuda para asumir o custo do arrendamento da súa vivenda por estaren inmersas en situacións de especial dificultade que determinaron que a persoa arrendadora interpuxese unha demanda de desafiuzamento por non pagamento das rendas.
b) As unidades de convivencia das vítimas de violencia de xénero que teñan dificultade para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda.
c) Aquelas unidades de convivencia con dificultades para asumiren o custo do arrendamento dunha vivenda e que fosen privadas da súa vivenda habitual, que posúen en calidade de propietarias ou usufrutuarias, por danos sufridos nesta, derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como incendios, inundacións, etc.
d) Aquelas unidades de convivencia ás cales, tendo sido arrendatarias dunha vivenda de promoción pública de titularidade do IGVS, lle finalizase a vixencia do seu contrato, unha vez publicada esta resolución.
e) Aquelas unidades de convivencia ás cales, por concorreren circunstancias de emerxencia social e non acadaren o límite mínimo de ingresos establecido no Programa de vivendas baleiras cos concellos, a Comisión de Seguimento e Coordinación do citado programa lles propoña a adxudicación dunha vivenda.
f) Aquelas unidades de convivencia que, sendo residentes en vivendas de entidades financeiras ou da Sociedade de Xestión de Activos Procedentes de Reestruturación Bancaria (Sareb), en virtude dos convenios de colaboración subscritos entre o IGVS e as citadas entidades, rematasen a vixencia do seu contrato de arrendamento dentro dos seis meses anteriores á data de presentación da súa solicitude de axuda do Programa do bono alugueiro social.
g) Os/as mozos/as menores de idade tutelados pola Xunta de Galicia, unha vez que acaden a maioría de idade e saian do réxime de tutela, co obxecto de facilitarlles o acceso a unha vivenda en réxime de arrendamento.
As solicitudes están dispoñibles na sede electrónica da Xunta, https://sede.xunta.gal co formulario VI482F
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto permanentemente ata o 30 de novembro de 2026.
Máis información no DOG do 13 de xullo de 2022