O Diario Oficial de Galicia publica unha nova convocatoria das axudas mensuais de ata 800 euros para mulleres vítimas da violencia de xénero
A comunidade ofrece un apoio periódico para estas mulleres, que poden solicitalo en calquera momento do ano cun orzamento inicial de 5,4 millóns de euros, ampliable en función das necesidades
O Diario Oficial de Galicia publica unha nova convocatoria para 2024 e 2025 das axudas económicas de carácter mensual que concede ás vítimas da violencia de xénero para que poidan gañar independencia económica dos seus agresores.
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destinará 5,4 millóns de euros de fondos autonómicos para facer fronte durante o próximo bienio a estas achegas que van dos 200 aos 800 euros mensuais. Este orzamento pódese ampliar en calquera momento para atender as necesidades que poidan xurdir.
Galicia segue así a ofrecer estes apoios, que a Xunta considera fundamentais para acompañar ás mulleres na súa recuperación e para seguir a súa vida afastadas da situación de violencia atravesada.
Son potenciais beneficiarias as mulleres vítimas da violencia de xénero que racharan a convivencia co agresor no último ano. Tamén as afectadas por explotación sexual ou trata con fins de explotación sexual e ás vítimas de violencia vicaria.
A convocatoria diríxese a mulleres vítimas maiores de idade, empadroadas e con residencia efectiva na Comunidade -e permiso de residencia, no caso das estranxeiras- e que acrediten ingresos mensuais iguais ou inferiores ao dobre do IPREM vixente. Tampouco poden ter percibido esta axuda con anterioridade.
A achega consiste nun pagamento mensual para a beneficiaria, que se concede por un máximo de 12 mensualidades. Esta cantidade pode oscilar entre os 200 e os 800 euros, contía baremable en función dos ingresos da perceptora, das fillas ou fillos menores (ou menores en acollida) e das condicións de discapacidade.
A convocatoria destas axudas permanece aberta durante todo o ano, para que as mulleres poidan solicitala no momento no que a precisen.
Máis información no DOG 2 de Xaneiro de 2024.