Campaña de Verán de 2024 da Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia ofrece a posibilidade de que a xuventude galega empregue o seu tempo libre estival participando en actividades de educación non formal de carácter lúdico, cultural, deportivo, formativo, etc. Para iso, cada ano preséntase a Campaña de Verán, unha iniciativa ambiciosa que non só é unha actividade de ocio para os mozos e mozas galegos, senón que tamén é un recurso de conciliación da vida familiar e laboral.

Baixo o lema O teu mellor verán, a Campaña de Verán de 2024 da Xunta de Galicia oferta, durante os meses de xullo, agosto e setembro, as seguintes accións:


    • Campamentos en Galicia.
    • Campos de voluntariado en Galicia, noutras comunidades autónomas e no estranxeiro.
    • Programas de intercambios bilaterais con outras comunidades autónomas.
    • Programa “Conecta con Galicia” para a mocidade galega do exterior.
    • Minicampamentos “Coñece Galicia”, de 5 días de duración.
    • Uso de instalacións xuvenís por parte de entidades e grupos de persoas mozas non asociadas.
    • Actividades de ocio alternativo para maiores de 18 anos (novo)
      
Serán, en total, 11.533 prazas, o que supón a maior oferta da historia destas actividades de verán programadas polo Goberno galego.

En aplicación do principio de transversalidade das políticas en materia de discapacidade e co obxectivo de que a inclusión social sexa unha realidade ao tempo que se favorece a interacción e a convivencia entre toda a mocidade, as mozas e mozos galegos con discapacidade poden decidir sobre a modalidade de participación á que desexan optar: polo procedemento xeral ou polo procedemento das prazas reservadas de inclusión. Cómpre lembrar que tamén existe a posibilidade de optar pola convocatoria de campamentos específicos para persoas con discapacidade.

+Info: https://xuventude.xunta.es/accion-de-veran