Convocatoria do Concello de Vigo para subvencións a ONGD do Concello de Vigo

Estas Bases teñen por obxecto regulamentar a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a ORGANIZACIÓNS NON GUBERNAMENTAIS DE DESENVOLVEMENTO (ONGD) para a realización de proxectos de cooperación internacional ó desenvolvemento, solidariedade, promoción e mellora das condicións de vida en países menos desenvolvidos que contribúan a acadar os obxectivos de desenvolvemento sostible e concretamente a:

a) Satisfacer as necesidades básicas da poboación deses países, entendendo por tales as relacionadas coa alimentación, a vivenda, a saúde, a educación, os servizos sociais e/ou a implantación de pequenas infraestruturas. Estas accións deberán contar cunha certa permanencia ou estabilidade, excluíndose, polo tanto, os proxectos de axuda humanitaria dirixidos a paliar situacións transitorias derivadas de catástrofes ou semellantes.

b) Impulsar e executar accións de desenvolvemento local sostible e autosostido, entendendo como tales as orientadas ó desenvolvemento, á sostibilidade e a atención ás necesidades socio-económicas da poboación (prestación de servizos básicos de luz, auga, transporte, educación, rehabilitación de áreas urbanas…).

Os proxectos que se presenten á convocatoria non poderán conter na súa formulación ningún tipo de discriminación e/ou exclusión e deberán respectar a idiosincrasia da poboación beneficiaria e o seu medio ambiente.