Lingua de namorar 2024. Vota pola túa mensaxe de amor preferida

Lingua de namorar é un concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega dirixido a todos os mozos e mozas de 14 a 35 anos.

O obxectivo principal de Lingua de namorar, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e máis pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, é dinamizar o uso da lingua galega entre os mozos e mozas nas súas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente na Internet e na mensaxería instantánea.

Para participar no concurso nas categorías A (de 14 a 19 anos) e B (de 20 a 35 anos) só cómpre cubrir e enviar este formulario. As mensaxes que participen nestas dúas modalidades publicaranse na páxina do concurso:

http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar

Para participar na categoría C (exclusiva para Instagram) cómpre ser seguidor/a de @xuventudegalicia e de @linguagalega.

As mensaxes publicaranse directamente na imaxe habilitada para o concurso #LinguaDeNamorar no perfil @xuventudegalicia. No texto indicarase en primeiro lugar un cancelo que recolla o título e despois a mensaxe. Ao final da publicación engadirase o cancelo #LinguaDeNamorar. Etiquetaranse tamén dúas amizades de IG.

Características das mensaxes

Cada participante poderá enviar ata dúas mensaxes, cunha extensión máxima de 350 caracteres no caso das categorías A e B e 200 caracteres na categoría C (de Instagram), incluídos os espazos en branco.

Categorías de idade e premios

Establécense tres premios por cada unha das categorías de idade A e B:

– 1º Patinete eléctrico
– 2º Altofalante bluetooth JBL
– 3º Cascos sen fíos

Establécese un premio para a categoría C:

– 1º Patinete eléctrico

Prazos de participación e votación

O prazo para enviar as mensaxes remata o 1 de abril.

Do 2 ao 7 de abril abrirase o período de votación. As persoas que desexen votar polas súas mensaxes favoritas nas categorías A e B deberán cubrir o formulario que se habilitará para o efecto na páxina do concurso.

No caso da nova categoría C a mensaxe gañadora seleccionarase en dúas fases:

1. O xurado do concurso fará unha preselección de 6 mensaxes de entre todas as presentadas en prazo e que respecten o indicado nestas bases.

2. O 15 de abril daranse a coñecer as 6 mensaxes preseleccionadas polo xurado, que concorrerán á votación final do público do 16 ao 21 de abril. Rematado o prazo de votación computaranse os gústame que reciba cada mensaxe e gañará aquela que acade un maior número de gústame por parte do público. No caso de que exista empate entre dúas ou máis mensaxes prevalecerán no cómputo o número de gústame dados por parte de seguidores/as de @xuventudegalicia e @linguagalega. A organización reserva para si o dereito de establecer calquera outro procedemento de desempate.

Resolución do concurso

A listaxe cos nomes das persoas gañadoras e finalistas nas tres categorías publicarase o 24 de abril. Tanto as mensaxes gañadoras como finalistas daranse a coñecer publicamente en http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar e nos IG @XuventudeGalicia e @LinguaGalega.

Entrega de premios

A data da entrega de premios publicarase nesta páxina web con antelación suficiente á súa realización.