Queres estudar ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño?

A Consellería de Educación publica as normas para o acceso e a admisión do alumnado ás ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño para o curso 2024-2025.

1. Acceso ás ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño de grao medio.

Requisitos:
a) Dispor do título de graduado en ESO e superar unha proba específica.
b) Os aspirantes que non dispoñan do título de ESO, deberán ter cumpridos os 17 anos e superar a proba que substitúe o requisito académico de titulación de graduado/a en ESO ademais da correspondente proba específica.
c) A titulación de graduado/a en ESO poderase suplir pola acreditación da superación dalgunha das seguintes probas:
– Proba de acceso a ciclos formativos de grao medio ou a parte común da proba de acceso ao grao superior de formación profesional.
– Proba que substitúe o requisito de titulación para o acceso aos ciclos formativos de grao medio ou de grao superior de ensinanzas deportivas.
– Proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.
– Proba que substitúe o requisito académico de titulación de bacharelato para o acceso as ensinanzas artísticas superiores ou para o acceso as ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño de grao superior.
– Proba que substitúe o requisito académico de titulación para as ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño de grao medio superada en convocatorias anteriores.

2. Acceso ás ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño de grao superior.

Terán acceso ás ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño de grao superior as persoas aspirantes que cumpran calquera dos seguintes requisitos:
– Estar en posesión do título de bacharelato e superar a correspondente proba específica.
– Estar en posesión dun título de técnico ou técnica de formación profesional ou título de técnico/a de Artes Plásticas e Deseño, e superar a correspondente proba específica .

As persoas aspirantes que non estean en posesión da titulación requirida deberán ter cumpridos no ano de realización da proba os 19 anos, superar a proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato e superar a correspondente proba específica.

Quedarán exentas de realizar a proba que substitúe o requisito académico de titulación de bacharelato as persoas aspirantes que teñan superadas algunha das seguintes probas:
– Parte común da proba de acceso a ciclos formativos de grao superior de formación profesional.
– Proba que substitúe o requisito de titulación para o acceso aos ciclos formativos de grao superior de ensinanzas deportivas.
– Proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.
– Proba que substitúe o requisito académico de titulación de bacharelato para o acceso ás ensinanzas artísticas superiores.
– Proba que substitúe o requisito académico de titulación de bacharelato para o acceso ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño de grao superior superada en convocatorias anteriores.

Estará exento e exenta de realizar a proba específica de acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño quen estea en posesión dalgunha das seguintes titulacións:
– Título de técnico ou técnica superior de Artes Plásticas e Deseño nun ciclo formativo da mesma familia profesional ca do ciclo formativo ao cal se pretende acceder, ou título declarado equivalente.
– Título de bacharelato, modalidade de artes, ou de bacharelato artístico experimental.
– Título superior ou título de grao en ensinanzas artísticas superiores de Artes Plásticas nas súas diferentes especialidades, ou títulos declarados equivalentes.
– Título superior ou título de grao en ensinanzas artísticas superiores de Deseño, nas súas diferentes especialidades, ou títulos declarados equivalentes.
– Título superior ou título de grao en ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, nas súas diferentes especialidades.
– Licenciatura ou grao en Belas Artes.
– Arquitectura superior ou grao en Arquitectura.
– Enxeñaría técnica en Deseño Industrial ou grao en calquera especialidade de Deseño Industrial.

Así mesmo, estará exento de realizar a proba específica de acceso ao grao medio e superior de Artes Plásticas e Deseño as persoas aspirantes que, estando en posesión dos requisitos académicos para o acceso, acredite ter experiencia laboral, de polo menos un ano, relacionada directamente coas competencias profesionais do ciclo ao cal se queira acceder, para o cal presentará a seguinte documentación: Certificación da empresa onde adquiriu a experiencia laboral en que conste a natureza e duración concreta da actividade realizada.

Prazos
O prazo de inscrición para as persoas aspirantes que soliciten realizar a proba que substitúe o requisito académico de titulación de graduado/a en ESO ou de bacharelato, estará aberto ata o día 10 de xuño.
A inscrición para as persoas aspirantes que só teñan que realizar a proba específica e para as que solicitan exención de probas estará aberto ata ata o día 21 de xuño.

Datas
Probas de acceso ás ensinanzas artísticas profesionais de grao medio:
a) Proba que substitúe o requisito académico do título de graduado/a en educación secundaria obrigatoria: día 19 de xuño, desde as 10.00 ata as 17.00 horas.
b) Proba específica: día 3 de xullo, desde as 10.00 ata as 19.00 horas.

Probas de acceso ás ensinanzas artísticas profesionais de grao superior:
a) Proba que substitúe o requisito académico do título de bacharelato: día 19 de xuño, desde as 10.00 ata as 17.00 horas.
b) Proba específica: día 3 de xullo, desde as 10.00 ata as 19.00 horas.

As probas realizaranse nas escolas de arte e superiores de deseño en que estean inscritas as persoas aspirantes:
EASD Antonio Faílde, avenida da Universidade, A Cuña, nº 18, en Ourense.
EASD Mestre Mateo, rúa Virxe da Cerca, nº 32, en Santiago de Compostela.
EASD Pablo Picasso, rúa Os Pelamios, nº 2, na Coruña.
EASD Ramón Falcón, paseo dos estudantes, s/n, en Lugo.

Máis información no DOG 22 de abril de 2024
Modelos de probas e máis información: http://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/110/all
Guía das titulacións das Escolas de Arte e Superiores de Deseño de Galicia EASD: http://www.edu.xunta.gal/portal/sites/web/files/guia_explicativa.pdf